Mariscal Brus

O cepillo de fregar, tamén coñecido como brus, foi a inspiración dun personaxe que xurdiu ca misión de limpar o mar e as conciencias. Cunha caracterización onde convivían as estéticas militar e paiasa, o Mariscal Brus participou airoso nun sinfín de batallas pola dignidade.
A batalla de Bruselas foi unha gran vitoria de Nunca Máis no corazón de Europa pero unha amarga derrota do Mariscal Brus. Cando estaba el comezando a tocar unha buguina, dous belgas, do servizo de orde, quitárono á forza do escenario pensando, polas pintas, que era un infiltrado disposto a boicotear o acto. Este malentendido entre a seriedade belga e o humor galego, foi relativizado polo retranqueiro Manolo Rivas cando dixo: “A todo mariscal lle chega o seu Waterloo”. ML.