Redes

Remítenos ao aparello de pesca mais tamén a aquilo que estaba por tecer no movemento cívico galego, e que o desastre do Prestige axudou a concretar. Moitas de nós foi a primeira vez que traballamos dun xeito descentralizado e horizontal; sabiamos a teoría, mais naquel momento pasamos á práctica de xeito decidido, sen apenas ferramentas tecnolóxicas. Hoxe moitas das ferramentas que daquela improvisamos foron perfeccionadas e patentadas, privatizadas por xigantes tecnolóxicos. Nós daquela compaxinamos o linux coas contas de correo institucionais, as fotocopias feitas no curro de estrangis cos SMS, sempre coa conversa tabernaria como fío unificador. As viaxes polo país, sufragadas cada unha do seu peto, eran o pegamento imprescindíbel para aquelas primitivas, mais potentes, redes sociais.
Agora que se fala tanto de traballo colaborativo e descentralizado, que temos que andar con tino para non caer niso que chaman prosumo e que vén a ser unha fina forma de autoexplotación, vén ben lembrar aquelas redes que desde os coidados mutuos empezamos a tecer en paralelo ao Nunca Mais. CC.