Cinta adhesiva

Na obra NEVERMORE recollen este instante que para min é outra das metáforas do que significou a marea negra: o momento en que un compañeiro ou compañeira tenche que axudar a desvestir o mono para non manchares a roupa nin a pel. Levabamos os monos precintados con cintas adhesivas nos pulsos para que non penetrase o fuel. Para quitalos alguén cun cutter debía ir resgándoos, a pé das veas, e ese son é difícil de esquecer. Tiñas a sensación de que che rabuñaban a pel e debías confiar cegamente na persoa que tiñas enfronte. Un movemento brusco podería acabar con cortes nos brazos. Esa confianza cega é para min tamén unha das metáforas do momento: esa confianza en quen te rodeaba, aínda que fose descoñecida, serviu de pulo para saír adiante. RA.