Mono branco

O contraste do mono branco coa negrura do chapapote e dos días de limpeza (non esquezamos que era decembro) creou unha iconicidade incomparable e perfectamente identificable visualmente. Pero isto sucedeu a medida que transcorrían os días. Nos primeiros, verte así vestida ou a xente que queres e te acompaña na limpeza é terrible porque significou a exteriorización da situación extrema. Como o loito tras unha perda significa botar por fóra a túa dor e exteriorizala, vestir o mono branco foi unha maneira de facer palpable o perigo e a angustia emocional e tamén física do momento. Vivimos aquela situación como de perigo: non só ambiental senón tamén sanitario (non debemos esquecer isto: tivemos medo ás consecuencias físicas que o contacto con aquela peste podería derivar no medio e en nós mesmas que o respirabamos). As imaxes que a memoria colectiva gardaba nese momento dos monos brancos eran as das películas de ciencia ficción, as dos detectores de ántrax (a cadea de atentados en Estados Unidos con carbuncho era recente) e as de Chernobyl e, de súpeto, vernos así deulle un verniz contraditorio ao momento: por unha parte sentías que era irreal, que non estaba sucedendo e, pola outra, que o risco era tan grande como o doutras situacións históricas terribles que só coñecías pola televisión. RA.