Desinformación

Estratexia de opacidade e confusión que empregan os medios de comunicación subvencionados polos diferentes partidos (no poder e na oposición) para confundir e ocultar os datos obxectivos de canto acontece ao noso arredor. Durante a época da crise do Prestige, que coincidiu co derradeiro mandato de Aznar á fronte do PP, a desinformación chegou ata o punto de afirmar que as praias de Galicia estaban “esplendorosas” (Federico Trillo, Ministro do Interior, tras o seu voo de recoñecemento das rías galegas) aínda que a maioría das veces pasaba por ocultar ou minimizar o impacto da marea negra na costa. “Hilillos de plastilina” foi como describiu o Ministro do Interior, certo M. Rajoy, as fugas de fuel que seguían escapando dos tanques en teoría selados do Prestige afundido. A Costa da Morte estaba lonxe dabondo e non tiñamos ese acceso á información instantánea e plural que favorecen as redes sociais que se desenvolveron nos anos seguintes. Era novembro de 2002, no Finisterre galego, por tanto resultaba relativamente fácil manter illada esta periferia da periferia e botar un pano de silencio durante algún tempo. Cando menos, para marcharen de caza a fin de semana posterior ao accidente, acontecido o 13 de novembro, Manuel Fraga e outros responsables políticos do seu partido, mentres deixaban o barco á mercé do temporal coa única instrución de afastalo “ata o quinto pino”. Descoordinación, improvisación, chapuza, eran os outros termos chave para entender a desorde que atopabas ao chegar a lugares como Noia ou Muxía.
A situación sería completamente distinta de termos as redes sociais, cando menos en canto a manipulación informativa. As imaxes do chapapote terían dado a volta ao mundo, seguro. Cabe preguntarse se a mobilización social tería sido aínda maior. LR.