Proxecto
O propósito de Unha Gran Burla Negra é abrir unha reflexión cidadá a vinte anos vista das mobilizacións populares que se derivaron da catástrofe do Prestige. E facelo a partir do inventario, estudo e exposición do seu arquivo cultural: a morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos e intervencións, anónimas ou non, que desbordaron rúas e medios naqueles meses e que o colectivo Burla Negra soubo representar e promover dun xeito viral, en conexión con formas de protesta populares, anónimas ou activistas.
Dende o actual contexto de ecolóxica, política e económica, Unha Gran Burla Negra quere reflectir sobre as experiencias de creatividade civil e popular que se deron dende o outono do 2002 e que foron un levedo para outras formas de cultura e organización política que virían a reproducirse nos anos seguintes, no eido das protestas pacifistas e ecoloxistas primeiro e, despois do 15-M de 2011, nas novas formas de pensar a mobilización, a crítica, a cooperación, a solidariedade, a xestión cooperativa das cidades e o coidado do medio ambiente.
Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002-2023] organízase ao redor dunha serie de tensións creativas que se deron naquel momento. Así, investiga a importancia das vangardas artísticas en relación coa creatividade popular. Confronta a nosa memoria contemporánea coas pegadas que fican no arquivo da época. As voces anónimas e os protagonistas individuais. Os escenarios da protesta urbana e a dimensión más extensa do medio galego. As tensións entre o eido autonómico e o estado español. Entre a comunicación cidadá e a manipulación informativa. Esta tensión é política e estética: é azul do mar contra o negro do chapapote. A nube multicolor dos paraugas nas protestas e o gris do pavimento das cidades na choiva.
Quen somos
Unha Gran Burla Negra constituíuse como Asociación Cultural sen ánimo de lucro en decembro de 2017. O seu grupo motor está formado por investigadoras e investigadores en historia da arte e das culturas, xestión e políticas culturais e diferentes eidos da creación. Sen unha vinculación directa coas diferentes plataformas cívicas e artísticas que se formaron por mor do accidente do Prestige, desde o comezo da súa andadura Unha Gran Burla Negra estableceu alianzas cos axentes que lideraron o movemento Nunca Máis. Especialmente cos do seu brazo cultural, a Plataforma contra a Burla Negra creada en novembro do ano 2002 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, da que este proxecto recolle parte do seu espírito e nomenclatura.
Obxectivos fundacionais
1. Xerar, alimentar, manter e dinamizar un “arquivo vivo” que recolla os materiais, documentos, imaxes e símbolos que se crearon en torno á mobilización cidadá posterior ao desastre do Prestige, organizada en torno ás plataformas Nunca Máis e Burla Negra.
2. Crear un relato do que foi aquel movemento cidadán e cultural desbordante e difundilo no tempo.
Descarga o noso dossier de actividades 2018-2021