Bruxelas

Nunca Máis fixo tamén un chamamento a toda Europa e convocou, o 14 de xuño de 2003, unha manifestación en Bruxelas, capital do continente. Velaí unha crónica resumida do que alí tal aconteceu: Incerteza na resposta. Só puideramos viaxar un pequeno fato de persoas dende acó. Esa mañá chovía a eito. Na Estación do Norte un feixe de toliños utilizabamos os plásticos das bandeiras como chuvasqueiros. Manuel Rivas fixo soar a buguina. Cada toque, unha raiola de sol. Axiña as gaitas encheron de alegría as rúas. Era a gran manifestación en Bruxelas de Nunca Máis!
Advocatus gallaicorum ad Europae populos”, mesmo creamos unha versión da convocatoria en latín. Por primeira vez, dende Galiza, mandabamos un chamamento a todo o continente. Reclamabamos o que os gobernos da Xunta e Madrid non souberan, ou non quixeran, facer: solucións urxentes para a hecatombe do Prestige.
Pero estabamos a reivindicar moito máis. Nós, habitantes da fin do mundo, esixiamos na capital de Europa o remate dun sistema onde o petróleo importa máis que os pobos e as persoas.
Tanta vehemencia estoupou pola noite nun gran concerto coas Ialma, o Jarbanzo Negro e Manu Chao. Ao día seguinte na prensa belga e francesa Galiza foi protagonista. Esta terra estigmatizada polo caciquismo e a emigración, convertíase no referente da dignidade do Mar. Algúns queren que esquezamos, mais aconteceu. Foi o 14 de Xuño de 2003. Que nunca acougue a buguina de Bruxelas! XS.