Kit Poético de Denuncia

O colectivo de acción sociocultural Redes Escarlata, entre unha manchea de accións na Era Prestige, deu articulado e publicado en internet un material que logrou máis de 10000 apoios, con nome e apelido, nunha época que non era aínda a das masivas redes sociais. Esta é a breve historia e descrición do Kit: durante a visita de Manuel Fraga Iribarne, daquela presidente da Xunta, á cidade de Pontevedra, unha rapaza encarouse con el e berroulle: “Fraga, cabrón! Limpa o chapapote!”. Non reproducimos aquí a resposta machista e fascista daquel presidente machista e fascista. O que fixeron as Redes Escarlata foi revivir aquilo que se chamara nalgún tempo poesía social publicando na rede o audio daquela valente rapaza e animando a cidadanía a inculparse como responsable das palabras proferidas (débese lembrar aquí que nese momento a moza figuraba denunciada e con cargos, á espera de xuízo). Palabras que xa non eran expresión de carraxe dunha persoa, senón un poema en verso libre. Que non só foi un éxito de público e como proposta de rexurdimento dunha estética que se tiña por vintage; o mellor é que a denuncia contra a rapaza de Pontevedra foi retirada. Son esas cousas que non veñen nos libros de texto. XC.