Chapapotemaquia

Literalmente “a guerra contra o chapapote”. Neoloxismo creado a partir do elemento do grego clásico μάχη (loita, combate), para definir a secuencia de mareas negras contra as que tivo que se enfrontar nas últimas décadas a poboación galega.
Por diante desta costa circula unha das rutas marítimas máis grandes do mundo. Pero na escola nunca nos falaron da importancia do “corredor atlántico”. Descubrímolo, pola vía dos feitos, a base de desastres: accidentes de petroleiros e barcos mercantes.
Velaí os capítulos principais desta chapapotemaquia: Polycomander (Vigo,1970), Urquiola (A Coruña,1976), Casón (Fisterra, 1987), Aegean Sea (A Coruña,1992). E o Prestige (2002), marea negra global, que tinguiu de chapapote as costas dende Portugal a Francia, con epicentro na Costa da Morte.
Contrasta esta secuencia de desgrazas coa falta de formación da poboación sobre a importancia do tráfico marítimo diante da costa de Galiza.
Nunha posición marxinal con respecto aos principais centros económicos do estado, e sen unha conciencia crítica cidadá que reclamase atención en materia de seguranza marítima, a chapapotemaquia foi a crónica dunha constante improvisación, carencia de medios e ausencia de protocolos definidos diante destes terribles accidentes. XS.