Raiba

Carraxe e desconcerto desatados fronte á angustia e o desconsolo que inspiraba a natureza devastada, esas imaxes apocalípticas dun mundo entolecido. Así o vivín eu, ao viaxar a Galicia, chea de enerxía e de determinación. Tiña 25 anos. Non me parei a pensar na traxedia, eu quería eliminar o problema maior, axudar a sacar e recoller o fuel das praias, antes de que os efectos fosen peores para a fauna e o medio. Escoitaba falar a veciñanza, cos ollos chorosos e a voz rota. A impotencia debeu ser devastadora para todas esas persoas que vivían ao carón do mar, ou para quen traballaba nel, en definitiva para a xente que ama vivir neste currucho do noroeste, onde o mar e a natureza son protagonistas absolutos. Esa raiba é o que sentía eu daquela ao presenciar o que estaba a acontecer. Xente opinando na tele sobre o que debería facerse a pé de praia, responsables políticos mentindo ante os medios de comunicación, unha administración ausente, veciñanza crispada e desconsolada e un único responsable, o capitán Mangouras, por querer salvar do naufraxio o seu barco… Mentres, capas e máis capas de mousse xelatinosa, unha costra negra e pestilente, ían chegando ás praias e cubrindo a area e as rochas. Todos eramos responsables en certo sentido desta catástrofe, por empregar coches, por subirnos a avións, por sermos dependentes do petróleo… Creo que por iso tanta xente se mobilizou para tratar de axudar a limpar as conciencias, sen pensalo, sen considerar os efectos que puidese ter esa substancia que tiñamos que recoller, tocar (non sempre con luvas) e ulir (mesmo sen máscaras) a pé de praia. A carraxe e a indignación sempre son os pasos previos e os motores do que se viu o 1 de decembro, unha data fundamental, na miña opinión, para a mobilización social en Galicia, ao igual que o 15 de maio de 2011, a nivel estatal. LR.