Presentación do libro ‘Máis Nunca Máis’

  • Martes, 26 de Febreiro do 2019 ás 20:00h
  • Palexco
  • A Coruña

O martes 26, ás 20 h na sala municipal de Palexco da Coruña, terá lugar a presentación do libro Máis Nunca Máis, coa intervención de Manuel Rivas; Xosé Lois Vázquez, editor do libro; Celtia Sar, autora dunha carta aos deputados cando tiña dez anos, Xurxo Souto, autor do epílogo do libro e Pulpiño Viascón, que interpreta unha peza composta na honra dos voluntarios.

Máis Nunca Máis é agora un libro. Despois de encher con catro mil imaxes dun pobo en pé a sala de exposicións de Palexco, na Coruña, Radio Buguina promove con Difusora de Letras, Artes e Ideas, a edición dun libro que colecta os diferentes manifestos arredor de Burla Negra e Nunca Máis editados entre 2002 e 2003.

Son textos de Mario Benedetti ou Suso de Toro, de José Saramago ou de Álvarez Cáccamo, de Manuel Rivas, Manuel Lourenzo ou de Eduardo Galeano, e un ronsel de proclamas e panfletos asinados por colectivos diversos onde está a memoria daquela loita contra a incompetencia dos gobernantes, que fixeron dun accidente a catástrofe da marea negra do Prestige.


Do prólogo do libro, da autoría de Manuel Rivas:

Como naceu Nunca Máis? Hai unha explicación histórica. Naceu da xente. E outra máis poética. Naceu do mar. Cando entrelazan estas dúas xirias sucede algo especial. Expresouno Charles Baudelaire nun verso que é unha proclama histórica: “¡Home libre, amarás sempre o mar!”. A liberdade ten o sabor salgado do mar. Inconfundible ao padal, amarga como a primeira froita, ese excitante lampo contra as tebras, a intelixencia que á fin se revolta contra a enxurrada de presunta fatalidade. A partir da súa raíz local, co respaldo de trescentas asociacións (sindicais, políticas, ecolóxicas e do ámbito da saúde e do deporte) e a asemblea cultural Burla Negra. Nunca Máis naceu da vontade de encarnar o clamor da “humanidade consciente” na defensa do mar e como expresión dun movemento cívico: a cidadanía fronte á usurpación da democracia. Mentres foi así, foi Nunca Máis. O verdadeiro Nunca Máis existe hoxe na memoria activa. Un bo lugar. O mellor hábitat.

Da carta de Celtia Sar (2002):

Señoras e señores Deputados:
Chámome Celtia, teño 10 anos e vivo en Muxía, que é a primeira zona á que chegou o chapapote. Nesta época do ano estariamos escribindo a carta aos Reis Magos, pero polas circunstancias que estamos sufrindo desgraciadamente terémosvola que escribir a vós.