Pensarmos o Nunca Máis. Loitas polo común na historia galega recente
- Comeza: Mércores, 27 de Novembro do 2019 ás 17:00h
- Remata: Xoves, 28 de Novembro do 2019 ás 20:00h
- Facultade de Filosofía
- Santiago de Compostela (A Coruña)

Mércores 27 (17-20 h) e xoves 28 de novembro (11-14 / 17-20 h). 2019.
Santiago de Compostela. Facultade de Filosofía.
Dezasete anos despois, o desastre do Prestige permanece nas nosas memorias como o fan as historias desa resposta común e polo común que foi o Nunca Máis.
Desde Unha Gran Burla Negra queríamos trazar outra liña deste exercicio de memoria colectiva que nos permita pensarmos o Nunca Máis no contexto das múltiples loitas polo común que se produciron na historia galega recente.
A tal efeto, reunimos activistas, filósofas, historiadoras e escritoras, para podermos comprender (e experimentar) ese rizoma que se chamou Nunca Máis.
PROGRAMA:
Mércores 27 de novembro:
[aula 2, andar 0, Fac. Filosofía]
17.00 Presentación das xornadas (Matías G. Rodríguez-Mouriño)
17.30 Daniel Lanero (profesor e investigador no Dpto. de Historia da USC):
Conflitos ambientais e comunidades rurais na Galicia do final do Franquismo e a Transición.
18.00 Guadalupe Jiménez (profesora de antropoloxía da USC):
“Outro Máis”: unha lectura biopolítica do desastre do Prestige.
18.30 Adela Figueroa (bióloga, activista e escritora):
Nunca Mais como um exemplo de luita polo Comum. Economia do Bem Comum como alternativa ao modelo capitalista.
19.00 Abraham Rubín (docente e investigador independente):
Potencia ou poder? Precisións sobre o común e a comunidade co gallo do Nunca Máis.
19.30 Debate
Xoves 28 novembro:
[Salón de actos, Fac. Filosofía]
11.00 Presentación (Miguel Anxo Rodríguez)
11.30 Isaac Lourido (professor e investigador da Universidade da Corunha):
Partido, intelectuais e movimento: Perspetivas críticas sobre a componente cultural do Nunca Mais.
12.00 María Bella (investigadora e produtora cultural):
Os zapatos chapapoteados das nenas do Coído.
12.30 Xoán Hermida (historiador e activista altermundista):
Nunca Máis: acto constituínte do Movemento Social Galego.
13.00 Debate
17.30 Luís Rei (escritor e xornalista):
Tempo de carraxe.
18.00 Teresa Moure (profesora da USC e escritora):
Narrativas Des-prestigiadas.
18.30 Debate e clausura das xornadas
BIOGRAFÍAS
MARÍA BELLA (Madrid, 1974) é doutora en Coñecemento Curatorial pola Universidade de Goldsmiths. As súas liñas de traballo teóricas e prácticas orbitan ao redor de temáticas como a crítica institucional, as prácticas artísticas experimentais ou a arte e a cultura como ferramenta de empoderamento e de transformación. Puxo en marcha o programa Intermediae (Creación Contemporánea) en Matadero Madrid en 2007 e estableceu as súa liña curatorial até 2012. A súa tese doutoral teoriza a Fábrica do colectivo Cine sin Autor como modelo de produción artística capaz de intervir nas formas de produción de traballo-vida introducidas polo proxecto capitalista desde a modernidade. Vive en Corcubión desde fai uns poucos anos e foi a comisaria do proxecto Un ‘Nunca Máis’ contado polas fillas de Manfred, unha exposición armada en colaboración con Unha Gran Burla Negra no Museo de Man en Camelle.
ADELA FIGUEROA PANISSE é Bióloga, professora de Biologia e Geologia por 39 anos na Secundária. Master em Educação Ambiental, bolseira na Universidade do Minho (1988 -1994) para fazer a tese de doutoramento em Origem da Vida. Participante nas primeiras sessões do Acordo Ortográfico (1987), em Rio de Janeiro em representação da Galiza pola Revista o Ensino. Escritora, e activista na defesa do Ambiente e também na defesa da nossa língua Comum. Na actualidade Presidenta da Fundação Eira que gere o patrimonio de ADEGA.
XOÁN HERMIDA GONZÁLEZ naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Máster en ‘filosofia, cuestións actuais’ e Doutor en Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movementos sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza, formando parte do Consello do Foro Social Galego. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015, participando do proceso de AGE, Marea Pontevedra e En Marea. En maio de 2018 dimitiu da súa acta de deputado no Parlamento de Galicia, tras 12 días de aceptala, nos que quixo visibilizar a necesidade de situar á ética no centro da política. Na actualidade dirixe o Foro Obencomún. Autor de varias obras ven de publicar con Galaxia a obra Galicia no labirinto da nova política, a raíz da súa tese doutoral onde se analizan o movementismo en Galicia desde Nunca Máis ata AGE, no que pode ser considerado a década dourada do Movemento Social Galego.
GUADALUPE JIMÉNEZ-ESQUINAS (Córdoba, 1984) é profesora de antropoloxía na USC. Doutora internacional pola Universidade do País Vasco (2018), máster en estudos de xénero (2010, CSIC-UIMP), licenciada en antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese de doutoramento no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. O seu traballo enmárcase nos estudos críticos do patrimonio e céntrase na análise feminista dos procesos de patrimonialización e das transformacións da paisaxe, a poboación, a economía e as artesanías. No 2018 recibiu o premio Micaela Portilla á mellor tese sobre estudos feministas, 2017 premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na investigación. Ademáis da súa traxectoria académica, tamén é nai dende 2011.
DANIEL LANERO TÁBOAS (Vigo, 1977) é Investigador do Programa Ramón y Cajal ascrito ao Grupo de Investigación HISTAGRA e ao Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas liñas de investigación prioritarias atópanse a Historia Agraria, a Historia Social e a Historia Comparada dos Fascismos, cunha especial atención ao Franquismo, ao Estado Novo e á Transición á democracia en España e Portugal. Foi investigador visitante, entre outros centros, na London School of Economics and Political Science; o King’s College London ou a University of Maryland. É autor e editor de numerosas publicacións, tanto no ámbito español como internacional, entra as que destacan: El disputado voto de los labriegos. Cambio, conflicto y continuidad política en la España rural (1968 – 1986) (2018); Fascismo y políticas agrarias: nuevos enfoques en un marco comparativo (2011); Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo (2011).
ISAAC LOURIDO é professor e investigador na Universidade da Corunha. Doutor em Teoria da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela, foi docente e investigador nesta última universidade e no Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa. As suas áreas de investigaçom prioritárias som a teoria e a metodologia da história literária, a poesia contemporânea e os usos da cultura em processos de movimentaçom e conflito social. Publicou Livros que nom lê ninguém. Poesia, movimentos sociais e antagonismo político na Galiza (2014) e História literária e conflito cultural. Bases para umha história sistémica da literatura na Galiza (2014, XX Prémio Carvalho Calero). Editou com Burghard Baltrusch Non Lyric Discourses in Contemporary Poetry (2011) e com Alba Cid La poesía actual en el espacio público (2015).
LUÍS REI NÚÑEZ (A Coruña, 1958) é xornalista de profesión e autor dos libros de versos A rolda invisible (1988), Alma mareira (2003) e Estrela do norte (2014, Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores). Xerais publica a súa obra narrativa, que inclúe os títulos Expediente Artieda (2000, Premio Xerais de Novela), A estrela dos polisóns (2003), Toda a vida (2005), O señor Lugrís e a negra sombra (2007, Premio da Crítica Española e Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao mellor libro do ano), Monte Louro (2009, Premio Blanco Amor de Novela Longa e Premio Fervenzas Literarias á mellor novela do ano), Cita en Fisterra (2011), Días que non foron (2013) e O encargo do señor Castelao (2016). Tamén escribiu os volumes ensaísticos Oficio de escribir (1990) e Poetas andantes navegantes (1995), ademais dunha primeira biografía de Rafael Dieste, A travesía dun século (1987), ampliamente acrecentada en 2019: Rafael Dieste. O libre pensamento.
MIGUEL ANXO RODRÍGUEZ GONZÁLEZ é profesor da USC desde o ano 2000, especializado en Arte Contemporánea e Teoría da Arte. Realizou a súa tese de doutoramento sobre os procesos de traballo na escultura contemporánea en Galicia e as súas investigacións enmárcanse no eido da Historia Social da Arte. Desde o ano 2006 vén traballando sobre modos críticos de representación en relación coa fotografía contemporánea e a cuestión do xénero na arte actual. As súas investigacións máis recentes abordan a dialéctica entre iniciativas artísticas alternativas e políticas culturais no contexto do noroeste peninsular, un interese que se reflectiu, entre outras publicacións, no libro Canales alternativos de creación. Una aproximación histórica (Baleiro, Santiago de Compostela, 2013), coeditado xunto con Daniel L. Abel. Forma parte do proxecto Unha Gran Burla Negra desde a súa creación en 2017.
ABRAHAM RUBÍN é doutor en Filosofía pola UNED e Máster en Literatura comparada e Crítica cultural pola Universitat de València, é docente e investigador independente. Varias das súas publicacións comprenden o libro de investigación académica Vivir el acontecimiento. Aproximaciones desde el pensamiento contemporáneo (Universidade de Santiago de Compostela, 2016), o ensaio Corpo-circuítos. Máquinas de subxectivación (Euseino?, 2016), así como varias monografías sobre o pensamento de Gilles Deleuze (Acontecemento e desexo. Estaleiro editora, 2016), Fredric Jameson (Entre posmodernidade e utopía. Estaleiro, 2011), e Antonio Negri (Da revolta italiana á potencia da multitude. Estaleiro, 2010).
MATÍAS G. RODRÍGUEZ-MOURIÑO (Coord.) é historiador da arte e doutorando em Filosofia com uma tese sobre a estética de Félix Guattari. As suas publicações e interesses centram-se na estética contemporânea desde uma perspetiva pós-estrutural, e aparecem ligadas a questões como a caosmose, a repetição ou o menor. Tem participado em seminários e congressos em Portugal, Espanha ou França, publicado em revistas como Fedro, Quintana ou philosophy@lisbon, coordenado a edição de obras de Helena Miguélez-Carballeira, Joel R. Gômez, Igor Lugris ou Teresa Moure, e traduzido a Gilles A. Tiberghien ou Michel Onfray.
Agradecementos: Rebeca Baceiredo, María Bella, Beatriz Blanco, Ana Cabana, Alba Díaz-Geada, Adela Figueroa, Luís G. Soto, Xoán Hermida, Nieves Herrero, Lucía Jalón, Guadalupe Jiménez, Daniel Lanero, Isaac Lourido, Teresa Moure, Dionísio Pereira, Luís Rei, Miguel Anxo Rodríguez, Abraham Rubín, Andrés Taboada.
*Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña (Programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais).