Os ‘favoritos’ do trasno. Arquivos cidadáns e memoria democrática

  • Comeza: Venres, 20 de Novembro do 2020 ás 10:30h
  • Remata: Sábado, 21 de Novembro do 2020 ás 14:30h
  • Seminario online
Fotos: José Paz

Venres 20 (10.00 – 14.30 / 16.00 – 20.30 h) e sábado 21 de novembro (10.00 – 14.30 h). 2020.

Museo do Pobo Galego (Auditorio). Santiago de Compostela.*

Seminario online (a través de Zoom).


Presentación

Desde novembro de 2018 a Asociación Unha Gran Burla Negra convoca o pensamento en torno ao movemento Nunca Máis organizando un encontro anual no aniversario da catástrofe do Prestige, o petroleiro afundido no 2002 fronte ás costas galegas. Este ano celebramos os encontros ao redor da idea de arquivos cidadáns, convocando espazos, proxectos e experiencias colectivas que, dende o artístico ou o histórico, o íntimo ou o comunitario falarannos das relacións entre democracia, acceso ao saber e produción de arquivos. Dos fíos entre a memoria, a conciencia e os patrimonios, do seu goberno e activación públicas e comunais, dos seus riscos e males, da súa destrución e reinvención, do milagre de que aquelo chamado a se perder se conserve e faga dispoñible pola obra do amor e a graza dos coidados.

Dicía Michel Foucault que un arquivo non é en si unha cousa, un recipiente ou un edificio, nin tampouco unha caixa ou un sistema de ordenación. É, máis ben, un sistema de formación e de transformación de eventos e de cousas. Esta é a idea que move o Arquivo Vivo de Unha Gran Burla Negra, un conxunto de máis de tres mil documentos —na súa meirande parte ephemera—, centos de horas de gravacións audiovisuais, miles de fotografías persoais e ducias de obxectos artísticos. Foron cedidos por cidadáns que, dun xeito ou outro, os produciron e conservaron. A nosa tarefa é a de os gardar e facer accesibles, pero non dun xeito fetichista, senón buscando que proliferen, se sementen, diseminen. Nestas xornadas partillaremos o traballo que temos entre mans, coas nosas dúbidas e problemas, poñéndoo en común con colectivos e persoas que practican dalgunha forma as tensións do arquivo sen ser, necesariamente, arquiveiras.

Rafael Dieste, nun libriño de relatos breves que titulou Dos arquivos do trasno, deixou escrito: “O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz”. É dende esa vontade que queremos arremuiñarnos e convocarvos, identificando ese trasno como a tensión productiva, lúdica e gozosa, coa que percorrer arquivos raros, coleccións de cousas que contan algo para alguén e se gardan como os nosos favoritos, por se acaso serven para outras persoas ou momentos.


Programa

Venres 20 de novembro

10.00 Presentación do seminario

10.15 Arquivos performados [vídeo]

Xiana do Teixeiro (Cineasta e productora)

“Autonarracións secretas de infancia e adolescencia femininas: arquivar prácticas culturais invisibles”

Carme Nogueira (Artista visual)

“A outra exposición. A importancia dos dispositivos”

Sabela Fraga Costa (Historiadora da Arte e investigadora)

“Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos 70”

12.00 Pausa

12.30 Arquivos da mancomún [vídeo]

Horacio González (Artista interdisciplinar, docente e investigador)

“Historia dun arquivo”

Manuel Sendón (Fotógrafo, docente e comisario)

“Os non artistas tamén crean

Lara Barros Alfaro (Historiadora e investigadora especializada en sociedades rurais)

“Montes veciñais: a memoria do común”

14.30 Pausa

16.00 Arquivos do imaxinario [vídeo]

Anxo Rabuñal (Investigador independente, editor e libreiro en Novaniké)

“A voltas co lado da sombra”

Marta Pérez Pereiro (Investigadora e docente en comunicación audiovisual)

“Miro Pereira out of context. Os arquivos informais de humor da Televisión de Galicia en Twitter”

Germán Labrador Méndez e Jorge Linheira (Unha Gran Burla Negra)

“O ghaiteiro petroleiro”

18.00 Pausa

18.30 Derivas do arquivo [vídeo]

Cineclube de Compostela (Iván Cuevas)

“Formatos, produción propia e o físico contra a fugacidade dixital”

Asociación Patio de Butacas (Cine Adriano, Barallobre)

“Un método intelixente para extraer a memoria do Adriano”

Xesús Ron (Actor, ideólogo e activista escénico)

“Redenasa.tv: arquivo dixital de artes vivas e outras lerias”

 

Sábado 21 de novembro

10.00 Arquivos e experiencias [vídeo]

Lourenzo Fdez. Prieto (Profesor de Historia Contemporánea especializado en historia agraria e social)

“Arquivos públicos, arquivos privados e arquivos privados moi públicos. O Proxecto DOAME”

Joan Morera Arbones (Artista visual e investigador)

“Na habitación do lado. Unha aproximación á representación da emigración española en Francia”

Aula Castelao de Filosofía (Xoán Carlos Garrido)

“Un arquivo filosófico desde Galicia: o traballo da Aula Castelao”

Xurxo Ayán (Arqueólogo e investigador de Arqueoloxía da Paisaxe)

“Os arquivos do trasno: ante papeis non calan barbas”

12.00 Pausa

12.30 Arquivos abertos [vídeo]

Carmela Montero (Documentalista, conservadora e comisaria)

“Patrimonio de ida e volta: o Museo Carlos Maside e a recuperación da memoria do exilio

Ed. Difusora de Letras, Artes e Ideas (Xosé Lois Vázquez e Xavier Paz)

“Academia, rúa e novos espazos do saber”

Unha Gran Burla Negra

“Arquivo Vivo: Activando a memoria do movemento Nunca Máis” (Daniel L. Abel)

“O arquivo nunca máis dende unha perspectiva feminista” (María Bella)

 


Inscricións

Se desexas asistir ao seminario, escribe un correo electrónico a actividades@unhagranburlanegra.gal indicando no asunto ‘Inscrición seminario – arquivos do trasno’. Poñerémonos en contacto contigo para informarche do procedemento.


Organiza

Unha Gran Burla Negra.

María Bella, Germán Labrador, Jorge Linheira, Daniel L. Abel.

Fotos de cartaz: José Paz / Arquivo Vivo / Fondo Difusora.


 

*A actual normativa anti-covid aplicable á cidade de Santiago de Compostela permite a “celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias e eventos e actos similares promovidos por calquera entidade, de natureza pública ou privada” (segundo DOGA do mércores 4 de nov. de 2020). Mais facémonos cargo da difícil situación pola que están a pasar moitos colectivos e persoas e consideramos que non é o mellor momento para convocármonos presencialmente. Para nós a xornada debera ser un convivio no que o debate informal e próximo xerara sinerxias. Ante a imposibilidade de ofrecer esta hospitalidade optamos por trasladar o encontro á rede. De seguro que haberá novas ocasións para compartir espazos de debate sen filtros, sen pantallas e sen distancias forzadas.


 

*Agradecementos: Museo do Pobo Galego.

*Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña (Programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais).

 

Programa de man