O Ghaiteiro Petroleiro

ROSALÍA ESTÁ ENFADADA: O CHURRASCO, O POLBO, OS PEMENTOS DE PADRÓN, TODO ASOLAGADO POLO PICHE.
CONTRA O CHAPAPOTE UN EXÉRCITO POPULAR FOI DEFENDER AS COUSAS DO COMER E DO VIVIR, AS RÍAS, OS MONTES COMUNAIS, AS FALAS ESQUECIDAS.

Os Irmandiños, o Rei Cintolo, a Santa Compaña, A Maruxaina, o loro Ravachol e os Peliqueiros xa están en Conxo, na muralla de Lugo, na Costa da Morte. As forzas da reprodución da vida loitan contra os empresarios da morte. O capitalismo, a catástrofe ecolóxica, o colonialismo teñen poderosos servintes: gobernantes, bancos, petroleiras… E tamén lles gustan o marisco e a empanada! Limpa as costas de fuel, invoca ao Fragasaurio e bótalle caldo!

A Asociación Unha Gran Burla Negra, no vinte aniversario da resposta cidadá ante a catástrofe do Prestige, edita O Ghaiteiro Petroleiro para festexar a memoria do movemento Nunca Máis, as súas loitas, símbolos, estratexias e inimigos. Por medio de 125 escenas, escólmanse momentos e personaxes da cultura galega coa súas propias entelequias.

Dáse tamén un conxunto de citas, cancións, poemas e referencias, unha memoria poética e política, mais tamén gráfica, pois case un centenar de artistas e ilustradoras, deseñadoras e debuxantes colaboran nesta iniciativa. Algunhas imaxes remiten ao tempo do Prestige, outras á contracultura e ás loitas da transición democrática, e hainas tamén as que fían na historia do deseño galego. A meirande parte son obras contemporáneas, coas que reimaxinar o noso mundo, pero sempre dun modo burlento e comprometido, desde a memoria e para a utopía, e en favor das novas xeracións.

No centro do xogo situáronse un conxunto de elementos totémicos: o cocido, o pan de millo, o viño, o marisco, os froitos da terra —cobizados tanto por amigos como por estraños— nos que resumir a galeguidade como patria gastronómica. Son dons que articulan ecolóxica e socialmente un mundo no comer, no xantar con alegría e en comunidade, nunha felicidade paisana moitas veces ameazada —hoxe e no pasado— polos donos dos cartos. A catástrofe do Prestige tivo o efecto de facer ver que a continuidade dun mundo, que damos por feita tantas veces, depende en realidade do delicado equilibrio entre a nosa necesidade de explotar a natureza e a capacidade desta para se anovar. Por iso o Ghaiteiro propón un combate máxico entre as forzas extractivas do capitalismo avanzado e as forzas reprodutivas da cultura popular.

Falamos na lóxica do carnaval, coa súa capacidade de inverter o mundo, de rir desde a traxedia, de xuntar vida e morte. O entroido foi unha arma poderosa nas protestas do 2002: o Enterro do Mar, os Reis Magos do Piche, a Marea das Gaitas, o Chan Papote das Nosas Costas… Tamén nas loitas ecolóxicas actuais todo se mestura: como saír da contaminación desde un mundo que vive dela e a reproduce? No Ghaiteiro combaten en amalgama poderes extractivos e forzas ecolóxicas por uns mesmos recursos. Mais o final do xogo non está escrito: até o derradeiro momento, nunha partida é posible darlle a volta ao destino, con paciencia, estratexia e con algo de sorte.