N.E.V.E.R.M.O.R.E – Encontro aberto co grupo Chévere

  • Domingo, 5 de Decembro do 2021 ás 18:00h
  • Capela do Pilar
  • Corcubión (A Coruña)

Abrimos a Caixa Negra de N.E.V.E.R.M.O.R.E.: memoria colectiva do Prestige desde o teatro

Encontro aberto co grupo Chévere

Domingo 5 decembro 2021 – 18h. Capela do Pilar de Corcubión

Entrada de balde ata completar localidades
Reservas en: actividades@unhagranburlanegra.gal

Coa participación de: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Mónica García, Manuel Cortés, Arantza Villar, Borja Fernández, Xesús Ron de Chévere. María Bella e Daniel López Abel da AC Unha Gran Burla Negra.


O grupo de teatro Chévere e a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra xúntanse para convidar ao público da Costa da Morte a reencontrarse coa memoria colectiva dunha catástrofe, a do Prestige, e dunha forza cidadá, a do Nunca Máis. Será un evento único no que a equipa artística de Chévere abriranos a caixa negra de N.E.V.E.R.M.O.R.E., a súa última obra de teatro. Unha celebración singular coa que a Asociación Cultural quere dar continuidade ao seu compromiso de manter viva a memoria do Nunca Máis. O evento é ademais unha oportunidade excepcional para aproximarse aos detalles dunha obra nestes momentos en xira por Galicia e o resto do territorio español e que, por limitacións do formato, non poderá representarse nos concellos que sufriron de maneira máis directa a traxedia.

As caixas negras son fundamentais na reconstrucións dos feitos e suplen a ausencia doutras fontes, especialmente nas catástrofes. N.E.V.E.R.M.O.R.E. retoma a crise do Prestige cun espectáculo de teatro-documental no que atopamos caixas negras cheas de recursos baseados en feitos verdadeiros ―testemuños, gravacións, obxectos, entrevistas, etc.― cos que se constrúe unha obra que demostra que “facer memoria, ademais de necesario, pode ser un acto poético e sanador”. Unha parte destes materiais son entrevistas realizadas no 2019 pola investigadora Maria Bella a persoas que viviron a catástrofe desde Costa da Morte e que hoxe forman parte do Arquivo Vivo da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra. En N.E.V.E.R.M.O.R.E. os actores e actrices dan corpo a algunhas desas voces-testemuño, logrando restablecer significativamente o vínculo co lugar onde se desenvolveu a catástrofe. Di Chévere que estas “son voces que nos permiten escoitar o que resiste, escoitar desde as propias feridas, desde aquilo que se rompe e non se deixa capturar”.

As que organizamos este evento temos claro que a memoria é colectiva por natureza e existe só se se comparte, así que nesta ocasión, para seguir facendo memoria, tomaremos como detonante o teatro grazas a obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. As integrantes da equipa de Chévere abrirán a caixa negra da propia obra e guiarannos a través de microfragmentos da mesma, mostrarannos materiais de ensaio e contarán os modos nos que traballaron coas voces das entrevistadas ata levalas a escena. Ao mesmo tempo que isto acontece escoitaremos ao público para seguir activando cada unha das nosas memorias e compartir historias coas que non esquecer que as cousas poden chegar a ser doutro xeito. Tal e como se subliña en N.E.V.E.R.M.O.R.E. ao fin da obra cunha mensaxe nunha gran pancarta: “o futuro é o que imos facer e non o que vai pasar”.

 


 

Organiza: Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra e Chévere.

Colabora: Concello de Corcubión