Mulleres Marchando. Costa da Morte 8M-2003. Exposición en Viamianzo

  • Comeza: Venres, 5 de Marzo do 2021 ás 10:00h
  • Remata: Domingo, 4 de Abril do 2021 ás 18:00h
  • Escaparates das tendas da vila
  • Vimianzo, A Coruña

Foto: Javier Alba. Arquivo Vivo. Fondo Difusora

Dende a asociación cultural Unha Gran Burla Negra seguimos coidando e actualizando a memoria do Nunca Máis. No marco deste 8M e en colaboración coa asociación cultural feminista As Curandeiras de Vimianzo organizamos a exposición “Mulleres Marchando. Costa da Morte 8M-2003” que poderá visitarse facendo un percorrido pola vila de Vimianzo. Nela recupéranse fotos e outros materiais documentais desta celebración de reivindicación feminista que formara parte do movemento cidadá do Nunca Máis.

Fai dezaoito anos milleiros de mulleres de Galicia, nun 9 de marzo de 2003, manifestaban o seu anhelo de igualdade e poñían en práctica a sororidade acudindo á Costa da Morte para apoiar ás súas irmás afectadas pola crise do Prestige. Convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e como parte das mobilizacións cidadás do Nunca Máis, percorreron as rúas dende Cee até Fisterra pechando a celebración do 8 de marzo con manifestos, cantos, reclamos e disfraces nun palco montado no peirao da vila do fin do mundo.

A exposición “Mulleres Marchando. Costa da Morte 8M-2003” recupera unha vintena de imaxes e documentos desta Marcha Mundial das Mulleres na que as nosas compañeiras enchían as rúas. A proposta trata de avivar a potencia dese día recuperando a memoria desta celebración e invocándoa neste estraño 2021 baleiro de corpos nas prazas. Grazas á colaboración da Asociación de Establecementos de Vimianzo contaremos con 35 tendas repartidas pola vila que exhibirán as imaxes e documentos ao público. As e os paseantes que desexen realizar o percorrido poden facelo buscando nos escaparates o cartaz identificativo co lema “Sen coidados non hai vida” ou seguindo o mapa que aparece no código QR do cartaz.

A exposición “Mulleres Marchando. Costa da Morte 8M-2003” foi comisariada por Maria Bella e a imaxe gráfica foi realizada por Mauro Trastoy. A exposición conta con fondos propios do arquivo Nunca Máis e con fondos cedidos dende Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG). Para reconstruír o acontecido colaboraron connosco un amplo grupo de mulleres que participaron na organización daquela marcha. A todas elas o noso agradecemento.


Descarga o cartaz.


*Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña (Programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais).