Inauguración do proxecto
- Venres, 23 de Novembro do 2018 ás 16:30h
- Auditorio de Galicia. Sala Mozart
- Santiago de Compostela
O 25 de novembro do 2002 nacía a Plataforma contra a Burla Negra en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia. Ese é o lugar escollido para a inauguración e primeiro acto público do proxecto Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019).
Como tantas galegas e galegos, foi moita a xente do ámbito da cultura en Galicia que se preguntaron que podían facer ante o desastre ecolóxico, económico e social que supoñía a marea negra provocada polo naufraxio do petroleiro Prestige. O resultado desta ansia foi a Plataforma contra a Burla Negra, que coordinaba artistas, escritores, músicos, actrices e persoas de todos os campos da cultura en contra do fuel. E é que a desastrosa xestión política do accidente —a cal puxo ao descuberto a uns responsables públicos incapaces de coidar do noso territorio— trouxo consigo a creación dun fenómeno simbólico, paradigmático, e á vez inesperado pola gran dimensión que tivo, como foi Burla Negra, que uniu a xente da cultura, contradicindo o forte compoñente individualista co que se lle adoita acusar o sector, para organizar actos contra a catástrofe por todo o país.
Nun fenómeno sen parangón a nivel estatal que se desenvolveu por todo o territorio galego, o deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base cunha efervescencia comparable aos últimos anos do franquismo e inicios da transición.
Venres 23 de novembro do 2018, Auditorio de Galicia, Sala Mozart:
- 16:30 h – Presentación do proxecto: Jorge Linheira e representantes das institucións que apoian o proxecto.
- 17:00 h – Conferencia inaugural: Germán Labrador Méndez, profesor titular na Universidade de Princeton.
- 18:30 h – Descanso.
- 19:00 h – Palestra A acción creativa nos procesos de mobilización social e política.
- Julia Ramírez Blanco, profesora de Historia da Arte na Universidade de Barcelona.
- María Ruido, realizadora, artista visual, investigadora e docente.
- Tono Carbajo, artista e fotógrafo. Membro do colectivo Fotomovimiento.
Biografías:
Germán Labrador Méndez é profesor titular na Universidade de Princeton. O seu campo de especialización son os estudos culturais dos mundos ibéricos na Idade Contemporánea, con especial énfase nas relacións entre estética e política, cidadanía e memoria. É o autor de dous libros de crítica da transición democrática, Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española (Devenir, 2009) e Culpables por la literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986) (Akal, 2017), un estudo sobre a potencia emancipadora das formas de cultura nos anos setenta e o seu traballo en favor dunha democracia aínda pendente. Na actualidade traballa nun libro sobre as respostas políticas e culturais á crise do 2008.
Julia Ramírez Blanco. Historiadora e crítica de arte, é actualmente profesora no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Barcelona. O seu traballo recente centrouse na intersección entre arte, imaxinación social e activismo, sendo autora do libro Utopías artísticas de revuelta (Madrid, Cátedra, 2014) e editora de editó el número monográfico de REG/AC. Revista de Estudios Visuales & Arte Contemporáneo “Utopías no textuales” (2016) sobre as relacións entre arte, activismo e cultura visual. Ten publicado en libros colectivos e en revistas como Third Text, Arquitectura Viva, Quintana, Lars, Boletín de Arte, El Mundo, Abc Cultural ou The Nation Journal. https://juliaramirezblanco.com/
María Ruido. Artista, realizadora, investigadora e docente. Actualmente vive en Madrid e Barcelona, onde é profesora no Departamento de Arte e Cultura Visual da Universidade de Barcelona. Desde 1998 vén desenvolvendo proxectos interdisciplinares sobre a construción social do cuerpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo postfordista, e sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia, e máis recientemente traballa en torno ás novas modalidades dos imaxinarios decoloniais e as súas posibilidades emancipatorias. http://www.workandwords.net/es
Tono Carbajo. Artista visual, presidente e membro do grupo de foto-activistas Fotomovimiento, co que ten acompañado nestes últimos tres anos movementos migratorios nas fronteiras exteriores da Unión Europea. En 2015 o Institut de Drets Humans de Catalunya concedeulles a Mención Especial “Medios de Comunicación” pola defensa dos dereitos humanos. O seu traballo como artista visual desenvólvese sobre todo no eido da fotografía, as videoinstalacións e de pezas de participación social. As súas últimas exposicións individuais leváronse a cabo en Interview 11 Gallery (Edimburgo), no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona e no Steinhardt Museum de Tel Aviv. Actualmente desenvolve talleres interculturais e de educación medioambiental para menores non acompañados en Barcelona. https://www.tonocarbajo.net/