Glosario Nunca Máis – Primeira sesión
- Comeza: Domingo, 15 de Maio do 2022 ás 10:30h
- Remata: Domingo, 15 de Maio do 2022 ás 14:30h
- Auditorio de Galicia. Sala Mozart
- Santiago de Compostela
Glosario Colectivo Nunca Máis*
(Unha compilación colectiva de vocabularios empregados polo movemento e acompañadas de breves explicacións)
Desde as testemuñas recollidas por Unha Gran Burla Negra (UGBN) a diversas actoras e actores implicadas no movemento cidadán do Nunca Máis fomos atopando coincidencia nos relatos até quedarmos coa seguinte definición: o Nunca Máis é unha experiencia colectiva de acción social e cultural excepcional que tivo a capacidade de transformar unha época.
A excepcionalidade presupón unha desviación no curso habitual das cousas afectando á normalidade dos feitos, dos hábitos, das formas e dos relatos asociados. Por unha banda, sabemos que os derrames de petróleo nas nosas liñas de costa non son algo excepcional senón, máis ben, feitos cíclicos que acompañan a nosa historia. Pola outra, a demagoxia, o oportunismo e as conveniencias da política e os poderes dos gobernos tampouco nos parece que sexan as que dean a mediada da excepcionalidade do momento. A excepcionalidade daqueles acontecementos ―máis aló da dimensión e afectación do derrame do Presige e a responsabilidade da xestión― parécenos claramente atribuible ao Nunca Máis como movemento cidadán.
A vinte anos deste acontecemento excepcional, conscentes de que o Nunca Máis podería pasar pronto a convertirse nun clásico afastado no tempo e, polos males dos efectos da distancia, acabar perdendo as conexións co presente, gustaríanos aproveitar o aniversario para reafirmar o peso da súa potencia, axudar a facela ―se cadra― máis visible, recoñecible e perdurable no tempo e a memoria.
O próximo 15 de maio daremos comezo á construcción colectiva dun Glosario do Nunca Máis. Así como os nenos e as nenas necesitan da aprendizaxe da lingua materna para relacionarse co mundo pensamos que a existencia dun glosario do movemento pode servir como ferramenta de acceso ao seu campo de experiencia e coñecemento, a aquela loita e vida en común. Ademais, como calquera outra lingua, será tamén un tesouro que decante formas de relacionarse coa complexidade, singularidade e multiplicidade do Nunca Máis.
O glosario é por tanto unha proposta de traballo colectivo desde a que, interpelando ás comunidades que foron parte do movemento, imos coleccionar os vocabularios que estas necesitaron inventar ou resignificar para nomear e compartir o que estaban a compoñer. Algo que, como xa salientamos, foi e segue a ser un acontecemento excepcional. Quen sabe se estas verbas, como o propio emblema do movemento en moitas ocasións, poderán volver facerse operativas.
O Proceso de traballo
Comezaremos a dar forma ao Glosario o 15 de maio cunha xuntanza en Compostela, no Auditorio de Galicia, lugar de referencia para unha boa parte do movemento xa que foi alí onde se constituíu a Plataforma contra a Burla Negra en novembro de 2002. Estaremos acompañadas por un primeiro grupo de pesoas vinculadas ao movemento que virán desde distintas partes de Galicia. Contaremos tamén con aportacións e achegas elaboradas por outras que participarán da xornada de xeito non presencial.
Nestes anos nos que a asociación Unha Gran Burla Negra dedicou tempo, enerxías e recursos á investigación, recolleita de documentación, conservación, posta en valor, visibilización e tradución da relevancia social e cultural do movemento Nunca Máis, fomos tamén tecendo alianzas, amizades, colaboracións e complicidades con grupos e axentes que conformaron o movemento. Desde elas iniciamos este traballo colectivo.
Estas son as primeiras colaboradoras do glosario:
Marga Alborés, Rosa Aneiros, Carmen Armendáriz, Carmen Arnoso, Pepe Barro, Kike Benlloch, Bocixa, Manel Cráneo, Comba Campoy, David Creus e Estevo Creus, Ánxeles Cuña, Chisco Fernández Naval, Nito Dios, Adela Figueroa, Pepe Galán, Mónica García, Quico Guillán, Carme Hermida, Maria Lado, Pancho Lapeña, Tomás Lijó, Miguel de Lira, Plácido Lizancos, Mariabel Longueira, Milucho Louro, Berio Molina, Xavier Paz, Viki Rivadulla, Roberto Ribao, Manuel Rivas, Lois Rodríguez, Lola Rontano, Carlos Santiago, Sven Schwebsch, Sechu Sende, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Suso de Toro, Nano Unzueta, Anxo Varela, María Yáñez Anllo, Berto Yáñez.
Nesta primeira sesión de traballo, que pretende ser tamén celebratoria, elaboraremos un primeiro esbozo do Glosario e definiremos conxuntamente os modos para ir engadindo novas entradas. No mes de Novembro e coincidindo co afundimento do Prestige o Glosario farase público e socializarase nas redes.
Este proxecto é unha iniciativa de María Bella coa colaboración e complicidade de Xesús Ron.
* A plataforma contra a Burla Negra publicou no 2003 o Diccionario da Real Academia da Burla Negra. Unha compilación de “xogos de palabras” desenvolvida por Plácido Lizancos, Roberto Ribao, Toni García (“académicos numerarios”) e Miguel Dlira (“académico delirante”) e introducida por Carme Hermida (“académica de honra”). Recollía “voces, locucións populares e neoloxismos” a 365 días da catástrofe e pode identificarse como un antecedente deste Glosario.
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña (Programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais).
Agradecementos: Auditorio de Galicia