III Foro Negro da Cultura

sábado, 15 de decembro de 2018, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela

 

“Temos unha visión. Outra cultura é posible. Demostrámolo durante un ano. Podémonos sentir orgullosas pero non satisfeitas. Hai demasiado por facer e para ben e para mal, só dependemos de nós mesmas. A cultura galega necesita un cambio, unha volta de torca. Esa é a nosa responsabilidade e tamén o noso desafío: crear unha nova realidade cultural que marque pasos diferentes na sociedade galega. Somos ambiciosas. Toda a xente que sinta a necesidade de aportar ideas está convidada.

Queremos crear un espacio de encontro e unha rede de difusión que atinxa a todo o territorio galego. Queremos coñecervos as caras e que coñezades as nosas. Saber en que andades metidas. Queremos falar e debatir, compartir ideas e atopar solucións. Queremos formular preguntas e dar respostas. Queremos mudar a letra do discurso de sempre. Querémolo todo e máis: unha nova cultura e unha nova actitude. Algo que paga a pena crear. E propoñemos un momento e un lugar:
O Foro Negro, un barco de palabras construído entre moitos e moitas.”

[Texto de presentación e convocatoria do Foro Negro que se celebrou os días 13 e 14 de decembro de 2003 no Instituto Galego da Información, Santiago de Compostela. Organizado pola Plataforma contra a Burla Negra]