Exposición e asembleas en Camelle: “Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred”

  • Comeza: Sábado, 27 de Xullo do 2019 ás 20:00h
  • Remata: Domingo, 29 de Setembro do 2019 ás 20:00h
  • Museo de Man
  • Camelle, Camariñas (A Coruña)

Un “Nunca Máis” contado polas fillas de Manfred

Exposición
27 de xullo – 29 de setembro
Inauguración: 26 de xullo – 20h.

En xuño de 2019 as fillas de Manfred enviaron ao Museo do Man de Camelle catro caixas cheas de documentación xerada a partir das súas investigacións ao redor do afundimento do Prestige. Con elas unha folla de instrucións para mostrar os materiais na sala temporal do museo.
Acontecido no ano 2002 fronte a estas costas, o afundimento do barco petroleiro e a xestión da catástrofe, afectaron de maneira singular e excepcional as vidas da poboación, incluída a de Manfred. Lucía, Teresa, Eugenia e Rosalía -as que din ser fillas do Man- especializadas nas investigacións sobre os futuros culturais, sociais e ambientais convídannos con esta exposición a establecer relacións, semellanzas e variables entre os ecos dos acontecementos da Galicia do Prestige e os ecos doutros acontecementos pasados e presentes. Propóñennos facer memoria, celebrar e actualizar as forzas de empoderamento colectivo que entón nos atravesaron. Lembralas, apuntan, podería sernos útil para imaxinar futuros desexables en tempos de crise planetaria.

Asembleas da memoria

Coincidindo coa exposición celebraranse dúas asembleas da memoria convidándonos con elas a lembrar xuntas/os e dende a propia experiencia persoal os acontecementos do Prestige e a figura de Manfred Gnädinger. Terán lugar na sala de exposicións do museo e estarán abertas a todo aquel que queira participar contando e/ou escoitando.

Nunca Máis
1ª asemblea da memoria
Venres/ 26 de xullo-18h.

“Nunca Máis foi de todos e de ninguén” lembra moita da xente que o viviu. A serie de acontecementos desencadeados a partir do accidente do Prestige, aínda que comúns para o conxunto da poboación galega, vivíronse de modos moi distintos dependendo das especificidades dos lugares afectados, das ocupacións e labores dos seus habitantes ou das xentes que viñeron doutras partes para axudar; das distintas responsabilidades que cada quen desempeñaba, das suas idades, das súas sensibilidades, do paso do tempo. Lembrar a experiencia desde cada unha/un para compartila coas outras contribúe a comprender mellor ese Nunca Mais que foi de todas/os e de ninguén. Nesta asemblea xuntarémonos algunhas de esas todas/os: voluntarias, pescadores, coordinadores, cociñeiras, profesores, gardacostas, poetas…, para celebrar os nosos Nunca Máis.

Pinga de vídeo

Manfred Gnädinger
2ª asemblea da memoria
Venres/ 23 de agosto – 18h. [Nova data por confirmar]

Moitos escoitaron falar do alemán de Camelle pero poucos coñecen a Manfred Gnädinger máis aló da simplificación que nos ofrece a súa lenda. Artista e medioambientalista, veciño de Camelle e creador do Museo do Man, Manfred, afectado pola catástrofe do Prestige, morre abatido transcorridos uns días do afundimento do barco. Esta asemblea pretende revisitar a figura de Manfred desviando a atención do que “se di” e poñendo o foco, especialmente, sobre a memoria das experiencias compartidas con él. Nesta asemblea xuntarémonos con algunhas/os das súas veciñas/os e con parte da comunidade que mellor lle coñeceu.


Un proxecto comisariado por María Bella.


Horario de visita:

Verán (15 de xuño-15 setembro)

De martes a domingo: 11:00h a 14:00h – 17:00h a 20:00h

Inverno (16 de setembro- 14 xuño)

Sábados, domingos e festivos: 11:00h a 14:00h – 17:00h a 19:00h


Folleto galego