COMUNICADO DA AC UNHA GRAN BURLA NEGRA SOBRE A CENSURA SUFRIDA POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL DE MUROS.

Este verán a censura cultural non se viviu unicamente no eido musical. O pasado 4 de xullo, en Muros, a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra inaugurabamos a exposición Creatividade Popular e Memoria do Prestige. Dende ese momento sufrimos un ataque que podemos considerar como unha falta total de respecto ao traballo das profesionais que deseñaron e montaron a exposición, e un caso máis de espazo pechado e diñeiro público agachado, por mor da censura política.

Dúas horas antes da inauguración, unha concelleira achegouse ao Centro Patrimonial Conserveira de Sel para solicitar a retirada dun obxecto da exposición. En concreto, unha carta ampliada da Baralla do Prestige onde o eterno delfín de Fraga Iribarne, José Cuíña, era o seu protagonista. Tras explicarlle en reiteradas ocasións que era unha decisión curatorial baseada na historiografía, lanzou un ameazante “xa tomaremos medidas dende o equipo de goberno”.

Cal foi unha desas medidas: ter a exposición aberta o menor tempo posible. A mostra, fóra do acordado coa anterior equipa municipal, soamente se puido visitar de luns a venres en horario de 8 a 14h; un horario que non foi aínda menor porque ese era o horario de apertura da infraestrutura por un curso que se celebraba nese espazo.

Agardamos que esta exposición –que mergullaba na memoria das persoas que viviron a traxedia e a reacción cidadá a través dunha mostra dos símbolos, obxectos, imaxes e cartaces que marcaron aqueles días– poida verse noutros lugares e, desta maneira, non esquecer e continuar poñendo en valor o que foi o gran acontecemento-movemento cidadán da historia contemporánea de Galiza.

 

A.C. UNHA GRAN BURLA NEGRA