biografías – Os ‘favoritos’ do trasno. Arquivos cidadáns e memoria democrática
Os ‘favoritos’ do trasno. Arquivos cidadáns e memoria democrática
BIOGRAFÍAS
Xiana do Teixeiro
Cineasta e produtora. Doutora e investigadora en Comunicación Audiovisual (UAB) e tamén creadora e produtora musical (Ta!, The Adaptation Dance). As súas liñas de traballo xiran en torno ao relato íntimo, a identidade e o xénero, e tamén sobre ecoloxía. A partir da súa investigación artística “Proyecto Diario” (premio BCN Producció) para o largometraxe “Crías” explora o autorelato feminino íntimo construendo un arquivo de diarios adolescentes.
Gañadora de X Films no Festival Punto de Vista con “Carretera de una sola dirección” (2016). O seu primeiro largometraxe, “Tódalas mulleres que coñezo” (2018), é un documental participativo sobre espazo público, xénero e violencia. En 2020 asume a co-escritura e producción executiva de “Salvaxe”, un film-ensayo dirixido por Emilio Fonseca sobre o lobo ibérico, as sociedades humanas occidentais e as prácticas salvaxes.
Carme Nogueira
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutorada pola Universidade de Vigo. Na súa obra salienta a importancia dos procesos artísticos, os modelos de representación, a implicación do público e o urbanismo. Realizou residencias artísticas en diversos países e é autora de publicacións, artigos e conferencias sobre a representación e a identidade de xénero. Na súa traxectoria artística ten traballado principalmente sobre os procesos de subxectivación e a función normalizadora dos espazos a través de procesos de investigación artística. Ten traballado con diferentes arquivos a través do que ela chama ‘dispositivos de sala’. Como por exemplo en Anarchivos sida (Tabakalera 2016 y Centro Conde Duque 2017), Archivación (Bienal de Pontevedra 2010), Contenedor de Feminismos (Casa-Museo Emilia Bazán, Coruña y Villagarcía, Bilbao y León 2009-2014) ou para a exposición Aquí y ahora! (Reacción-Erreakzioa, Gabinete Abstracto de sala rekalde, Bilbao 2008), entre outros. A memoria do lugar é o punto de partida tamén para proxectos como Vida Gallega (2018, Centro Centro, Madrid), Vida Hurdana (diferentes espazos, desde 2015) ou os seus diferentes achegamentos aos terreos da Fábrica de Álvarez, en Vigo (desde 2007).
Sabela Fraga Costa
Historiadora da arte e investigadora predoutoral na facultade de Belas Artes de Pontevedra (UVIGO) especializada na liña dos estudos feministas e a teoría da imaxe. En 2018 comezou a traballar coa catalogación do fondo artístico e documental da Agrupación Cultural Abrente no Museo Etnolóxico de Ribadavia. É autora do catálogo “Colección Abrente: arte galega no desafío cultural dos 70” e comisaria da mesma mostra, onde se presenta o compromiso e a relación da agrupación ribadaviense coa vangarda artística desa década. Activista cultural e militante feminista, non concibe o seu traballo de investigación sen a relación e a conexión coa praxe dos movementos sociais da súa contorna.
Horacio González
Artista interdisciplinar, docente e investigador. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Horacio González coordina o festival de arte, música e tecnoloxía IFI, entre os anos 2002 e 2003. Forma parte de VHPlab e Escoitar dende 2005 e 2006, colectivos a través dos cales desenvolveu plataformas como noTours (en colaboración con Enrique Tomás) e CGeomap (en colaboración con Fred Adam). Na actualidade, imparte clases no Mestrado para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria na Universidade de Vigo, forma parte do grupo musical Ulobit, xunto con Xoán-Xil López e Ariel Ninas, e participa, xunto con Ania González, nun proxecto de acción crítica e enxeñería cultural chamado Agentes del Caos.
Manuel Sendón
Fotógrafo, docente e comisario, Manuel Sendón (A Coruña, 1951) é licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes. Profesor da Facultade de Belas Artes de Potevedra. Ten publicado os libros Paisaxes (1991), Cuspindo a barlovento (2003), Casas doentes (2007), Derradeira sesión (2009), Mil ríos (con Fran Herbello, 2014) e Espantallos (2015). Realizaou exposicións individuais nas sete ciudades galegas, en Porto, Newcastle, Groningen, Mexico D.F., Salvador de Baia, Caracas, etc. Participou en colectivas como 4 Direccións da fotografía española. 1970-1990 (Reina Sofía, itinerante por Europa), Open Spain ( Museum of Contemporary Photograhy de Chicago, itinerante por USA),… Ten obra nas colección do CGAC, Reina Sofía, Comunidade de Madrid, etc.
Con Xosé Luis Suárez Canal dirixe o Centro de Estudos Fotográficos, comisariaron a Fotobienal de Vigo (1984-2000), Vigovisións (1986-2000), e un gran número de exposicións, tanto de fotografía histórica galega como de fotografía contemporánea internacional, sendo autores de 13 libros de fotografía histórica galega, responsábeis das coleccións Álbum e Do trinquee, editando 44 libros de fotografía.
https://manuelsendon.wordpress.com/
Lara Barros Alfaro
Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, máster en Relacións Internacionais e Estudos para o Desenvolvemento pola Universidade Autónoma de Barcelona e Posgrao en Historia Contemporánea, especialidade en Sociedades Rurais, pola USC. Desenvolve a súa memoria de investigación final de mestrado sobre o devir histórico dos montes comunais no municipio de Oia.
Conectada laboral e afectivamente co mundo rural e labrego durante moitos anos a través do sindicalismo agrario, desenvolve e fórmase no acompañamento e dinamización de grupos e de procesos participativos, nos que a perspectiva de xénero é unha preocupación constante. Actualmente está en formación como facilitadora de grupos en Terapia do Reencontro e é a impulsora de Mulime, proxecto profesional de investigación histórica e documental para Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
Anxo Rabuñal
É investigador privado e editor intermitente, libreiro en Novaniké e paseante. Coeditor de Favorita e de Trilateral, editor do Teatro Proletario de Cámara, entre as súas publicacións: Barcelona murs (con Genís Cano, 1991); O lado da sombra: sedición gráfica e iniciativas ignoradas, raras ou desacreditadas (2005), Català-Roca en Compostela (2014), O problema da existencia (2015) e Cómo se cuelga un cuadro (2017).
Marta Pérez Pereiro
Doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Communication Studies pola University of South Wales. Profesora da Facultade de CC. da Comunicación da USC, centra a súa carreira investigadora na análise da ficción televisiva e os estudos sobre o humor. Entre as publicacións máis recentes están “The public and the journalists’ views on the humoristic treatment of religion in Spain” en Journalism & Mass Communication Quarterly ou “Maybe your story is not different from mine: Memory, history and progress in the Galician series Libro de Familia” na revista International Journal of Iberian Studies. É membro do Grupo de Estudos Audiovisuais: contidos, formatos e tecnoloxía e forma parte da equipa de investigación do proxecto “Hacia el espacio digital europeo. El papel de las cinematografías pequeñas en versión original”.
Cineclube de Compostela (Iván Cuevas)
Asociación sen ánimo de lucro que ten como fin a difusión da cultura cinematográfica de autor. Filmes, novas, textos e libros. En xullo deste ano depositaron os seus fondos na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o lugar onde comezaron as súas proxeccións no ano 2001. Entre os materiais entregados hai unha chea de cousas: follas da sala de cada proxección (catrocentas, textos na súa maioría traducidos ao galego por integrantes da asociación), pasquíns e outros materiais gráficos como entradas de sesións ou de varias das súas festas de aniversario, unha colección de 280 cartaces do Cineclube, unha mostra dos carnés iniciais dos membros da asociación, tres números da revista Ariel, editada polo Cineclube de Compostela entre 2002 e 2004, os guións do programa de radio O fondo do aire é vermello, que fixeron na Radio Kalimera entre 2010 e 2012, o fondo de filmes en cintas VHS da asociación e publicacións que editou ou nas que participou o Cineclube.
https://cineclubedecompostela.wordpress.com/
Asociación Patio de Butacas
Xesús Ron
Lourenzo Fernández Prieto
Nado en A Devesa-Ribadeo, 1961, é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 2005. Foi Vicerreitor de relacións institucionais da USC entre 2007 e 2010 e Director do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC até 2016. Ten dirixido diferentes traballos de investigación relacionados coa construción da modernidade en Galicia e o mundo rural e a guerra civil. É membro do consello de redacción de diferentes revistas de investigación histórica e participou en numerosos congresos e coloquios da especialidade. Ademais, dirixíu o Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, dedicado á investigación da represión franquista en Galicia. Actualmente é Director da Cátedra Juana de Vega da USC e coordinador e investigador principal do Grupo de investigación Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX).
Joan Morera Arbones
Nado en Vigo, 1984, é Licenciado en Belas Artes e doutor pola Universidade de Vigo coa tesis “Construcción simbólica del paisaje gallego: Transmisión generacional del paisaje”. O seu traballo gravita aredor de temáticas relativas á representación da paisaxe, a memoria e as migracións, xogando cos relatos e a súa codificación a través de diferentes dispositivos documentais. Traballou con distintas institucións na exposición e produción da súa obra; entre elas o Museo MARCO de Vigo ou a Fundación Serralves de Oporto, a Galería Adhoc de Vigo, o Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa de A Coruña ou o Colegio de España en París.
Aula Castelao de Filosofía (Xoán Carlos Garrido)
A Aula Castelao de Filosofía formouse no curso académico 1981-1982 a partir dun colectivo de profesionais de diferentes ámbitos do saber. Os obxectivos da Aula Castelao, tomando a Filosofía nas súas dimensións crítica e transformadora, son:
- A renovación temática e metodolóxica no campo da Filosofía, prestando especial atención ao profesorado de ensino medio.
- A normalización da nosa lingua, principalmente no ensino.
Xurxo Ayán
Nado en Lugo (1976), doctorouse en Historia cunha tese sobre a arquitectura doméstica dos castros galegos. Entre 1998 e 2012 foi membro do grupo de investigación en Arqueoloxía da Paisaxe dirixido por Felipe Criado Boado, primeiro na Universidade de Santiago de Compostela e despois no CSIC. Entre 2014 e 2017 foi investigador posdoutoral Juan de la Cierva no Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Universidade do País Vasco. As súas principais liñas de traballo son a Arqueoloxía Pública e a Arqueoloxía do Pasado Recente. Autor xunto a Manuel Gago Mariño do libro Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2012) e de Altamira vista por los españoles (2015) entre outros. Colabora con diversos medios, como o portal Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, o xornal Certo e Galicia Confidencial.
https://alucenzadoabade.wordpress.com/
Carmela Montero
(A Coruña, 1977) é documentalista e conservadora da Fundación Luis Seoane. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o Máster en Xestión e Administración da Documentación e a Información da Universidade de A Coruña. Como Conservadora da Fundación Luis Seoane, xestiona a colección do seu fondo artístico e tamén comisariou exposicións dedicadas a súa figura, na propia Fundación e noutras institucións. Tamén supervisou e participou como conservadora en proxectos de artistas como Günther Förg, Ángela de la Cruz, Valérie Jouve ou Eugenio Granell. Entre os seus traballos recentes destaca o comisariado de Carlos Maside – Luis Seoane. Aquel abrazo, exposición retrospectiva sobre a obra de Maside e a súa influencia en Seoane.
Ed. Difusora de Letras, Artes e Ideas (Xavier Paz e Xosé Lois Vázquez)
Xavier Paz. Livreiro, editor e ativista cultural. Fundou em Ourense a Livraria Torga e cofundou a Difusora de Letras, Artes e Ideas onde idealizaram e criaram o Arquivo Nunca Mais. Corresponsável dos projetos Foro do Feismo I e II, EBA 5.0, Meu amigo Martim Codax ou da associação gremial LiterAuria. Trabalha atualmente em Portugal num Instituto de Pedagogia Curativa e Socioterapia orientada para o apoio a pessoas com capacidades especiais onde criou e dinamiza uma oficina de edição artesanal de livros e está a desenvolver um projeto de recuperação da memória/biografia da mesma instituição.
Xosé Lois Vázquez. Diretor criativo em Disigna Edenia Buldin e na editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. Diretor do Outono Fotográfico, co-coordena o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Ativista cultural e curador de projetos imbricados no espaço-nacão Galiza. Fotógrafo, editor, desenhador, artista com o acento posto na fotografia.
Difusora de Letras, Artes e Ideas. Nace en Ourense en maio de 2002 para crear, promover e difundir produtos culturais e editoriais en calquera soporte, que primen accións de grupo e socialización do coñecemento. «Premio Irmandade do Libro ao mellor proxecto editorial de 2006», outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia polo libro «Feísmo? destruír un País» producido cos materias de análise e debate do I Foro do Feísmo.
María Bella
(Madrid, 1974) é doutora en Coñecemento Curatorial pola Universidade de Goldsmiths. As súas liñas de traballo teóricas e prácticas orbitan ao redor de temáticas como a crítica institucional, as prácticas artísticas experimentais ou a arte e a cultura como ferramenta de empoderamento e de transformación. Puxo en marcha o programa Intermediae (Creación Contemporánea) en Matadero Madrid en 2007 e estableceu as súa liña curatorial até 2012. A súa tese doutoral teoriza o proxecto de Fábrica do colectivo Cine sin Autor como modelo de produción artística capaz de intervir as formas de produción de traballo-vida herdadas no presente. Vive en Corcubión desde fai uns anos e traballa micro-intervindo o territorio empregando ferramentas como a escritura, a filosofía ou a curaduría. Foi comisaria do proxecto Un ‘Nunca Máis’ contado polas fillas de Manfred, armado en colaboración con Unha Gran Burla Negra no Museo Man de Camelle en 2019.