O vintecinco de novembro do 2002 nacía e bautizábase no compostelán Auditorio de Galicia a plataforma que englobaba ás xentes do mundo da cultura, que na maioría dos casos apenas podía –seguimos igual– vivir do seu traballo como artistas profesionais, dentro dese gran movemento-acontecemento que foi o Nunca Máis.
Burla Negra non afloraba pola catástrofe en si; emerxía pola nefasta xestión das autoridades. Tan nefasta, miserable e indigna que motivara aquel nome tan directo e contundente. Porque o acontecido fora unha burla monumental, e tan negra como o piche espallado polas nosas costas. Debemos ter claro que a Burla Negra foi un fenómeno sen parangón a nivel estatal que se desenvolveu por todo o territorio galego. O deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base cunha efervescencia comparable aos últimos anos do franquismo e inicios da “Transacción”; nun momento, o de finais do 2002, no que rendido e desarmado o caciquismo mutante, Galiza iniciaba a súa verdadeira Transición.
Burla Negra foi unha experiencia interxeneracional e que para multitude de mozas e mozos supuxo a súa primeira experiencia política transformadora. Unha revolución cultural acompañando a un movemento ecolóxico, cooperativo, horizontal e auto-organizado nun contexto de parálises informativa e do Estado. Que trouxo unha cultura nova que por desgraza non está suficientemente consolidada no imaxinario popular como si outros acontecementos similares.
O laboratorio da Burla Negra estableceu unha cultura non centralizada que non participaba na estabilidade política de ningún goberno. Retornaba á cultura a súa capacidade de arma de destrución masiva, de obxecto problemático, parcial, combativo e transformador; devolvía á cultura a capacidade de ser unicamente responsable ante ela mesma e non do poder.
En torno ao Nunca Máis produciuse unha gran revolución cultural; falamos de cooperación, de ecoloxía ou de protesta cando lembramos aqueles tempos pretéritos, pero todo iso estaba xunto. Déronse unhas prácticas culturais desbordantes que cuestionaron o paradigma dominante. Pero non se creou un relato analítico, unha investigación capaz de organizar todas as distintas fontes de confrontación e desbordamento que sucederon neses anos dun xeito orgánico. Podemos afirmar que a experiencia deses anos aínda non se procesou correctamente. Unha experiencia rupturista de desbordamento que posteriormente só poderemos atopar en contadas ocasións: nas protestas contra a invasión de Irak en 2003 –que chegaran a coincidir no marco temporal con diversas accións levadas a cabo contra a catastrófica xestión do Prestige–; nos días posteriores aos atentados do 11M en 2004; e nun 15M que si logrou crear un relato analítico e difundilo no tempo.
A Burla Negra distinguiuse por achegarlle ao movemento Nunca Máis o seu mellor repertorio: a creación, a crítica, a ironía ou o carácter lúdico-festivo que impregnaban todas as súas accións. Un alto nivel de compromiso social ofrecido polo colectivo que se viu correspondido pola aceptación da cidadanía, que respondeu masivamente á maioría dos actos que tiveron orixe na fábrica de soños da Burla negra: as mareas gaiteiras, o concerto de autor, o velorio ao mar en Riazor, os concertos expansivos, os cedés musicais, os reis do chapapote en Vigo, o día das maletas en Coruña, a exposición fotográfica itinerante Marea Negra en colaboración co Colexio de Xornalistas, o entroido, as intervencións nas manifestacións de Madrid e Bruselas, a carpa do País de Nunca Máis, a viaxe galáctica de Álvarez-Cascos coa medalla imposta por Fraga Iribarne, o disco-libro Sempre Mar, a baralla xigante do Prestige ou o documental colectivo Hai que Botalos, estreado semanas antes das eleccións á presidencia da Xunta do 2005 e que traerían o final do réxime fraguián.