Coincidindo co décimo quinto aniversario da zozobra do leviatán negro polas nosas costas, circularon na rede artigos sobre os incumprimentos desa manobra destinada a tapar a catastrófica xestión do Prestige que se puxera en práctica co Plan Galicia. O 24 de xaneiro do 2003, ao tempo que chegaba unha nova oleada de fuel, un señor con bigote que non fora limpar o chapapote chegaba ao Pazo de María Pita cunha gran campaña de marketing mentres a policía, nos seus exteriores, infundía democracia a porradas. Para a miña sorpresa [modo ironía on], no ámbito cultural o cumprimento do investimento dos conservadores de extremo centro foi do cen por cen do prometido: o cen por cen de nada.
Xa resulta moi complicado que a cultura estea presente na primeira liña da política se non é para utilizala como arma arreboladiza. Por iso, loxicamente, non sorprende o feito por un goberno central que previamente tivera como responsables desa carteira á condesa experta na pintora “Sara Mago” e a un tal M. Rajoy que ten no diario Marca a súa lectura de cabeceira. Sen esquecer que, en Galiza, levabamos dende o 1996 co “pequeno Goebbels” dirixindo o insaciable botafumeiro auto-propagandístico co que o réxime fraguián sempre ollou a cultura.
Pero se aquel día, co socialista Paco Vázquez facendo labores de anfitrión, a cultura non estivo presente, si radicou na desbordante produción artística e cultural que, en torno ao Nunca Máis, contribuíu á simbolización da traxedia vivida ata fundirse coa vida, logrando así a cultura as súas maiores cotas de utilidade coma ferramenta de transformación social coñecidas no país. Nese tempo no que o emperador mostrou que estaba espido creouse a Burla Negra, e todo o sucedido ao redor da plataforma de mobilización social que englobaba a xente da cultura –pese a precariedade perenne pola que na maioría dos casos apenas poden vivir do seu traballo– foi unha gran revolución cultural producida de abaixo arriba. Mágoa que dende fai moito tempo poidamos observar como esa revolución non veu acompañada dunha auténtica evolución cultural.
Burla Negra evidenciou que a cultura oficial era un invento duns poucos que saía demasiado caro á maioría. Demandaban unha política cultural democrática e participativa con capacidade para a vertebrar o ecosistema cultural galego, na que a sociedade e os axentes culturais tivesen unha presenza efectiva. Con este obxectivo, a plataforma que collera o nome do barco do derradeiro pirata galego organizou en decembro do 2003 –nunha das ocasións nas últimas catro décadas nas que o propio sector cultural tentou suplir o traballo non realizado pola Xunta– o Foro Negro da Cultura. O principal obxectivo daquel barco de palabras colectivo que atracaba en Compostela fora “crear un espazo de encontro e unha rede de difusión que alcanzase a todo o territorio galego”. Aquela convocatoria tamén semellaba querer discutir temas que a cultura hexemónica das dúas décadas anteriores non podía nin identificar. Máis ben, nin podía nin quería. Esta interesante iniciativa non tivo continuidade e debemos ter claro que as posuidoras das ferramentas –máis o mandato social– para impulsar este tipo de proxectos vertebradores son as administracións públicas.
Desde a perspectiva do 2018, ao intentar comprobar se de verdade existiu unha vontade transformadora da realidade e se toda esta actividade proporcionou un peso específico para un novo discurso cultural a nivel do país, a verdade –exceptuando certas iniciativas, políticas e momentos do bipartito– é que non. Un exemplo: a Burla foi un movemento expansivo por toda Galicia que rompía co sobredimensionamento cultural da capital; anos despois, a esa situación que trouxo a “transacción” galega temos que sumarlle a recentralización producida polo Cenotafio da Cultura, un elefante branco empolicado no cumio da montaña do Gaiás.