De todas as plataformas, asociacións e colectivos que conformaban o movemento-acontecemento NUNCA MÁIS, a que con máis humor, ironía e mala gaita afrontaron a manipulación política e informativa foi a Plataforma contra a Burla Negra que integraba ás xentes da cultura.

Recolleron o nome dun barco pirata –dun dos bos, claro está– capitaneado por Benito Soto fai séculos, e que foi un símbolo das costas galegas. Burla Negra recuperouno e emprendeu campañas contra a verdadeira burla negra, contra o oprobio continuo. Por aquel entón, a Burla Negra era a marea que padecían as galegas nas súas costas e as súas vísceras, era burla e era negra porque sucedía unha vez máis e xa eran moitas; outra burla negra, negra coma o ébano era a actitude irresponsable dos gobernos centrais e autonómico –liderados por un “señoro” con bigote e un ex-ministro franquista respectivamente– que tentaron en todo momento unha burla estúpida e escura coa planificación e control da información coa que querían enganar a poboación novamente, e volvela facer calar.

Pero dende a Burla Negra non llo permitiron. Galegas e galegos libres que decidiron comunicar o que pensaban, persoas dispostas e activas que creron na cultura e a información como ferramentas de transformación social. Piratas que contra o chapapote negro loitaron coa imaxinación multicolor.

Benito Soto foi o nome da asociación cultural activada dende a Plataforma contra a Burla Negra.