A primeira marea negra chega ás praias, entre Fisterra e Touriñán

Costa galega entre Fisterra e Touriñan
16 de Novembro de 2002

Durante o sábado 16, o barco segue cara ao sur arrastrado polos remolcadores, a unha velocidade de 1,5 nós. Na madrugada, o Ría de Vigo advirte de que “Isto racha en calquera momento“, polo que se ordena ó Alonso de Chaves que tome remolque a popa e, así, se ocorrera tal cousa, as dúas metades estarán remolcadas.

Co barco a esa distancia e remolcado cara ao sur, as autoridades parecen tranquilizarse e mesmo chegan a dicir que “O problema entrou en vías de solución” (Fernández de Mesa) ou “Estivo a piques de provocarse un novo Erika, pero evitouse” (López Veiga); pero o certo é que un amplo rastro de fuel vai marcando o errático itinerario do Prestige e a primeira marea negra chega ás praias, entre Fisterra e Touriñán.