Marcos Pérez Pena | @marcosperezpena

Un movemento cidadán emerxeu en novembro do ano 2002 en Galicia. Un proceso que durante uns meses politizou a sociedade galega de forma transversal, como nunca sucedera. O mesmo movemento limpaba as praias, protestaba, preguntaba polos culpables da catástrofe do Prestige e reflexionaba sobre o mar e o país que quería ter. No cerne dese movemento, servindo de motor e de altofalante estaba o mundo da cultura, que se organizou ao redor da Plataforma contra a Burla Negra, unha efervescencia que non descansou durante meses e que está a ser analizada a través do proxecto Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019), que percorrerá Galicia nos vindeiros meses.

O proxecto foi presentado o pasado venres en Compostela e terá a súa seguinte parada este venres na Pobra do Caramiñal. Abriuse cunha conferencia de Germán Labrador (Vigo, 1980), profesor titular na Universidade de Princeton. Labrador vén de publicar Culpables por la literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986) (Akal, 2017), un estudo sobre a potencia emancipadora das formas de cultura nos anos setenta, e na actualidade traballa nun libro sobre as respostas políticas e culturais á crise do 2008.

Que é o que fai de Nunca Máis e de Burla Negra un movemento tan singular? Como se inscribe no seu contexto histórico, nunha Galicia con 13 anos de maiorías absolutas de Manuel Fraga e de cultura fortemente institucionalizada?

É un movemento moi singular, por moitas cousas. Por unha banda, conecta prácticas e experiencias dos anos 70 e representa unha mirada e unha volta á cultura cidadá da Transición, ás contraculturas deses anos. Por outro lado, é un movemento que anticipa ou que xa ten dentro de si elementos do que van ser as novas formas de mobilización política globais do século XXI. E no contexto concreto no que ten lugar vai servir de eixo no proceso de ruptura da hexemonía do PP, supoñendo un curtocircuíto do Fraguismo como orde cultural, orde política e orde imaxinaria, representando un curtocircuíto dos xeitos de representación do Estado autonómico.

“Nunca Máis é un movemento que anticipa ou que xa ten dentro de si elementos do que van ser as novas formas de mobilización política globais do século XXI”

Nunca Máis é unha sorte de lóstrego histórico que opera a moitos niveis distintos: abre narrativas diferentes, ten unha relación moi interesante co nacionalismo galego, une o rural costeiro e a cidade e nel dáse a vella alianza entre o mundo do traballo e o mundo da cultura, presente en todos os proxectos galeguistas dende o século XIX. Conecta ademais unha crítica ao Franquismo, a través da figura de Fraga, cunha xeración nova de persoas afectadas por esta experiencia. Unha experiencia cambiavidas para moita xente, ademais, coa mesma potencia xeracional que tivo despois o 15M. Constrúe finalmente unha xenealoxía política alternativa no contexto galego, constitúe un momento de experiencias, un laboratorio político e cultural no que nos podemos mirar hoxe.

Neses días pódese falar dun momento de crise do Estado. As súas estruturas son incapaces de deter a catástrofe e mesmo de dar respostas axeitadas á poboación. Como reacciona a sociedade galega nesa situación?

“No núcleo está a crise de representación política. De súpeto, o Estado desaparece, non está. A aparición dunha cidadanía xorde da necesidade de dar resposta a unha catástrofe que ameaza a propia supervivencia simbólica da comunidade”

No núcleo está a crise de representación política, do Estado. De súpeto, o Estado desaparece, non está. Nese momento, a aparición dun demos, dunha cidadanía, xorde da necesidade de dar resposta a unha catástrofe que ameaza a propia supervivencia simbólica da comunidade, a materialidade da vida de moitísima xente e as propias paisaxes nacionais, o ecosistema. O pobo faise soberano ante a catástrofe. Hai unha cousa interesante que pasa nese ciclo: a conexión entre o simbólico e o material: na resposta colectiva hai unha parte de reacción simbólica (a patria chea de chapapote), pero a ameaza é moi palpable (o chapapote tócase nas praias, nas bateas). E, de igual xeito, mestúrase a protesta e o traballo de limpeza, os dous universos están moi conectados. Por exemplo, os mesmos dispositivos serven para limpar e para protestar: os traxes dos voluntarios poden verse nas manifestacións.

En Burla Negra e nalgúns elementos de Nunca Máis chama a atención o seu carácter horizontal, descentralizado, en rede, que como dis anticipa movementos sociais que imos ver en anos seguintes… 

Nunca Máis e Burla Negra foron tamén desbordados pola situación. Hai unha tensión moi interesante entre partido e movemento. Por un lado dáse a resposta típica dunha cultura nacional: os intelectuais exercen o compromiso cívico, como unha especie de clase dirixente de reposto. Pero á vez, con este modelo clásico conviven outras formas que, efectivamente, van aparecer nas revoltas que se dan a partir do 15M, que é unha resposta colectiva, anónima, asociativa e facendo uso da tecnopolítica, con comunidades de afectos e unha politización transversal.

Unha das actividades do itinerante ‘O país de Nunca Máis’ | Unha gran Burla Negra

Nese momento mudan tamén as formas da protesta, os elementos simbólicos e materiais empregados nas manifestacións, hoxe máis habituais pero que nese momento chamaron moito a atención…. 

“É moi interesante a aparición destas tecnoloxías espectaculares da protesta: dispositivos artísticos pensados especificamente para capturar a atención mediática, sobre todo en contextos mediáticos adversos”

É moi interesante a aparición destas tecnoloxías espectaculares da protesta: dispositivos artísticos pensados especificamente para capturar a atención mediática, sobre todo en contextos mediáticos adversos, e para viralizarse nas redes sociais. Hoxe, é certo que isto non é nada novidoso, é o abecé dunha manifestación, pero daquela si o era en Galicia. Aquel era un tempo sen redes sociais e no que os memes, que xa existían, circulaban como arquivos adxuntos nos mails. Ademais, podemos identificar que as mobilizacións de Nunca Máis conviven co ciclo antroidal e coas súas representacións. E así, elementos iconoclastas de sátira política enchen as manifestacións e ao mesmo tempo están presentes nas propias celebracións do entroido ese ano en Galicia, ao igual que recreacións do ‘enterro da sardiña’, enterrando desta volta o Prestige, a Fraga ou á Xunta, ou os velorios do mar. A política concíbese como un evento celebrativo.

Que efecto tiveron as mobilizacións de Nunca Máis e Burla Negra en Galicia e no Estado español nos anos seguintes? Que influencia atopamos nas formas de protesta que atopamos no 15M e no conxunto de reaccións á crise económica?

No proxecto interésanos analizar Nunca Máis e Burla Negra en relación á memoria e ao arquivo que xeraron e tamén ver o que non foi incorporado como referente consciente posteriormente. O interesante nas xenealoxías cidadás é que os repertorios de prácticas, de símbolos e de experiencias se transmiten, pero ás veces non necesariamente con conciencia plena. O 15M quíxose imaxinar como un movemento sen precedentes, como unha refundación radical da política, pero había moitas tradicións políticas distintas que conflúen nas prazas. E en Galicia, a experiencia política do Nunca Máis era moi recente e estaba operando por debaixo.

“Prácticas de mobilización do Nunca Máis reaparecen exactamente iguais nas manifestacións polas preferentes. Ou nos escraches que teñen lugar despois de estoupar a crise económica. Os nos carteis que sinalan os responsables da crise”

Prácticas de mobilización do Nunca Máis reaparecen exactamente iguais nas manifestacións polas preferentes. Ou nos escraches que teñen lugar despois de estoupar a crise económica. Os nos carteis que sinalan os responsables da crise, unha práctica que xa fora realizada no Nunca Máis, cos responsables do desastre do Prestige. Máis adiante, as propias mareas municipais e posteriormente a existencia dunha forza chamada En Marea están moi relacionadas coa existencia dun imaxinario que vén especificamente do Prestige. No caso do Estado Español esta influencia de Nunca Máis é máis invisible, porque a experiencia galega non forma parte dos lugares comúns de referencia para as mobilizacións do 15M e posteriores, seguramente por ter sucedido na periferia.

Manifestación de Nunca Máis en Madrid | Unha gran Burla Negra

Nunca Máis como movemento de masas acaba diluíndose rapidamente. Como se explica isto? Inflúe a propia caída do Fraguismo e o cambio de Goberno? Decaen as forzas sociais? Houbo interese en que non tivese continuidade?

Supoño que hai un pouco de todo. Por unha banda recórdame ao momento que na Transición se denominou desencanto, un tempo no que se produce unha institucionalización que en parte bloquea moitas das expectativas de cambio. Hai un momento de cansazo que é habitual nas revolucións culturais: hai xente que viviu aquilo moi intensamente e cunhas expectativas que ao mellor non se deron, encallados nunha fractura que non refunda a comunidade. Por outro lado, hai sempre un problema nos movementos autónomos que ten que ver coa representación política e que leva a unha perda da forza inicial.

Finalmente, tamén hai que dicir que a estrutura do fraguismo reacciona e consegue illar esas dúas forzas que comentaba antes: o mundo do traballo e o mundo da cultura e a protesta. Pon en marcha con éxito unha estratexia discursiva, sinalando que hai uns colectivos profesionais que teñen problemas que son resoltos pola acción de goberno e que do outro lado hai uns grupos alborotadores, que protestan de forma ilexítima pois falan en nome dunha xente que non os recoñece como portavoces. Este discurso vai funcionar mellor que noutros; nalgúns concellos o PP obtén un bo resultado electoral, pero noutros nos que a cidadanía freara coas súas propias mans o chapapote si houbo cambios políticos inmediatos.

Nunca Máis acadou os seus obxectivos?

“Se cadra hai que mudar o instrumento de medida: que chamamos éxito e que chamamos fracaso. Nunca Máis liga no imaxinario da sociedade elementos de democracia, cultura e medio ambiente que antes non existían”

É certo que aquel movemento non produce un cambio político en profundidade. Pero se cadra hai que mudar o instrumento de medida: que chamamos éxito e que chamamos fracaso. A realidade é que é un movemento que a nivel cultural e social provoca transformacións importantes e que mesmo a nivel institucional leva a un cambio de goberno en 2005. Ademais, liga no imaxinario da sociedade elementos de democracia, cultura e medio ambiente que antes non existían. Cambia o imaxinario colectivo de Galicia cunha serie de elementos novos, desbordantes e polifónicos. Aparece, ademais, unha imaxe de país nova. Nunca Máis é unha experiencia dunha riqueza que non se pode esgotar nunha soa narrativa.

Marea gaiteira en Compostela | Unha gran burla negra